A compañía Pinchacarneiro Teatro representará este domingo 13 de novembro, ás 19:00 horas, na Casa da Cultura de Lousame a súa obra “L”, unha divertida comedia con ritmo musical dirixida a un público xuvenil e adulto (maiores de 12 anos). A entrada é totalmente libre e de balde, ata completar aforo. “L” conta unha historia que transcorre nunha sa de festas onde os personaxes afondan sobre a relación entre o moral e o inmoral.
Esta actuación está incluída na XII Mostra de Teatro Afeccionado Concello de Lousame, organizada pola Asociación Cultural Toxos e Carrouchas en colaboración coa Concellería de Cultura de Lousame e a Deputación da Coruña. Dende a organización informan da anulación da actuación de Tolemia Teatro, programada para o próximo domingo 20 de novembro. No seu lugar actuará Tastarabás, que ofrecerá un segundo pase da súa exitosa “Trastes… a conciencia”´.
A actuación do grupo dirixido por Gustavo G Dieste foi a que máis público reuniu este ano, pois chegou aos 150 asistentes. E, como houbo case medio cento de veciños e veciñas que non puideron ver a obra porque non había sitio no auditorio da Casa da Cultura de Lousame, dende a organización decidiron aproveitar a baixa de Tolemia Teatro para substituílos por Tastarabás.
https://www.youtube.com/watch?v=v5m0hyrKus8