O BERBERECHO DE NOIA CAEU POR 78-57 ANTE O PORRIÑO

Este sábado disputouse o terceiro encontro da segunda fase da Primeira División Masculina de Baloncesto e o Berberecho de Noia non puido conter o ataque do Porriño polo que sumou a súa segunda derrota seguida. Os porriñeses, moi acertados dende a liña de tres puntos, confirmaron a súa vitoria no terceiro cuarto para rematar vencendo por 78-57.

O inicio do duelo estivo moi igualado nos dous lados da cancha. O alto ritmo marcou os primeiros compases e pouco a pouco o Porriño foi collendo vantaxe no marcador grazas ao seu acerto dende a liña de 6,75. Pola súa banda, os noieses intentaban que os locais non se despegaran moito no marcador con rápidas transicións. Logo dos primeiros 10 minutos, o marcador reflectía o 21-17 para os anfitrións.

O arranque do segundo cuarto tinguiuse de amarelo xa que conseguiron darlle a volta ao luminoso e poñerse por diante co 23-25. A igualdade e a alternancia ao mando do duelo mantivéronse ao longo da meirande parte do período, sen embargo a falta de 4 minutos para o seu final o Porriño volveu a enchufarse dende a liña de tres para ampliar a súa vantaxe ata o 46-34 co que se chegou ao descanso.

O terceiro acto foi clave e marcou o resto do encontro. O Porriño seguía entoado nos lanzamentos dende máis alá do arco, mentres que o Berberecho encadeou varias accións erradas de ataque. Estes dous factores fixeron que os locais chegasen á metade do terceiro cuarto cunha vantaxe de 18 puntos, renda que se ampliou ata os 22 ao remate do mesmo.

No derradeiro período os dous equipos amosaron un xogo intenso na cancha, a pesar de que o duelo estaba practicamente sentenciado. O Porriño levouse o duelo ante o Noia por 78-57 polo que os noieses pecharon esta xornada no sexto lugar ao sumar unha vitoria e dúas derrotas.

A boa nova para os amarelos foi o regreso á pista de Chico Barreiro logo de tres meses sen poder xogar. Agora o Berberecho prepara xa o seu seguinte encontro no que se medirá ao Instituto Rosalía de Castro, cuarto clasificado. O duelo vivirase o sábado pola tarde no Alonso Rodríguez a partir das 18.00 horas.

Salir de la versión móvil