Esta fin de semana volveu o fútbol feminino aínda que tampouco foi unha xornada positiva para o Noia. As noiesas, pechacancelas da Primeira División Feminina Arzúa-Ulloa, visitaron o campo dun rival directo pola permanencia: o Victoria FC “B”. Os primeiros minutos foron claves no encontro que dominou o conxunto local case dende o asubío inicial e os 3 puntos quedáronse en Santa Isabel ao impoñerse ao Noia por 5-0.
O conxunto adestrado por Carlos Lorenzo precisaba sumar nesta décimo novena xornada para soñar cunha permanencia que hoxe en día parece unha quimera. As santiaguesas chegaban a este duelo en postos de descenso polo que tamén precisaban amosar unha boa versión para saír da zona vermella. O conxunto local fíxose cedo co control do partido a pesar dos intentos do Noia por tomar o mando e no minuto 9 as gradas de Santa Isabel celebraron o primeiro tanto do encontro co que as locais se poñían por diante. As noiesas intentaron crear perigo para igualar de novo a contenda, pero sen éxito. E no 36 o Victoria B amplo a súa renda co 2-0, resultado co que se chegou ao descanso. Lorenzo introduciu cambios no seu equipo buscando acurtar distancias, sen embargo as locais atoparon novamente o oco na defensa noiesa para poñer o 3-0 no 52. O Victoria FC B seguiu asolando a área branca e volveu a bater a súa portería en dúas ocasións máis: no minuto 63 e no 75.
5-0 final, dura derrota no Noia que ve como as súas mínimas opcións de loitar pola permanencia se esvaeceron xa que pechan a xornada a 12 puntos do seu rival da pasada fin de seman, que marca a zona de permanencia na categoría. Este sábado o Noia volve a xogar lonxe da casa xa que visita o Alivio onde se medirá ao tomiño, sexto clasificado. O encontro entre os dous equipos vivirase o sábado a partir das 19.00 horas