NA LIGA NACIONAL XUVENIL O BOIRO CAEU POR 0-2 ANTE O CELTA “B”

O fútbol xuvenil tampouco deixou bos resultados. O Boiro segue a pechar a clasificación da Liga Nacional logo de caer nun intenso partido ante o Celta “B”, segundo clasificado. O campo de Vista Alegre acolleu este duelo entre opostos na táboa no que os locais amosaron unha cara moi distinta ao partido de ida e no que case conseguiron secar aos dianteiros celestes. Os vigueses impuxéronse sobre o verde por un 0-2 moi traballado.

O Boiro saltou ao terreo de xogo coas ideas e o plan de partido claro. Enfronte un gran Celta “B” quería facerse coa vitoria para seguir a estela do líder, o Dépor “B”, aínda que non o tivo doado. O conxunto local quixo disputarlle o control do duelo nos primeiros compases do encontro pero os vigueses aproveitaron un perigoso achegamento para poñerse por diante no minuto 12. O Boiro contivo as acometidas rivais e quixo sorprender, pero o bo facer da defensa visitante evitou a igualada. Os primeiro 45 minutos consumíronse co 0-1 favorable ao Celta e na segunda metade pouco cambiaron as cousas sobre o campo. Os técnicos deron entrada a novos xogadores e o Boiro buscaba novamente o empate aínda que sen ter a puntería afinada. E os visitantes non perdoaron no 77 para poñer o definitivo 0-2.

Vitoria traballada do Celta, que suou para superar a un Boiro que pouco tiña que ver co equipo que perdeu por 10-0 na primeira volta. Os do Barbanza pechan a xornada pechando a táboa e quedándose a catro puntos da permanencia marcada polo Lugo “B”. Este sábado o Boiro vivirá de novo un encontro moi esixente xa que visita a casa do líder, o Deportivo B. O encontro disputarase na Cidade Deportiva de Abegondo e comezará ás 12.15 horas.

E na Primeira Galicia Xuvenil Santiago os equipos da comarca sumaron resultados de todas as cores. O Cidade de Ribeira recuperou o liderado logo de impoñerse po 1-3 ao Melide. O Noia superou ao Escola de Fútbol Municipal de Boiro no derbi por un axustado 3-2 polo que os noieses pechan a xornada duodécimos e o Boiro é décimo cuarto. O Atlético Oleiros caeu por 1-2 ante o Estrada B e segue no antepenúltimo lugar. E o Porto do Son empatou a uns co Cacheiras e non se move do penúltimo lugar da clasificación.

Salir de la versión móvil