A Sala Juanjo Gallo da Deputación da Coruña acolleu esta mañá unha xornada destinada aos concellos da provincia sobre as novidades lexislativas da administración electrónica.
O foro foi inaugurado polo presidente da institución provincial, Valentín González Formoso e o deputado de Economía, Facenda e Persoal, Antonio Leira, e contou coa asistencia de numerosos alcaldes e técnicos municipais de 72 concellos coruñeses, que se formaron sobre as novidades que, no ámbito da administración electrónica, presenta a a Lei 39/2015 de procedemento administrativo común das administracións públicas.
Na apertura deste encontro, González Formoso, apuntou que “a dixitalización dos procedementos forma parte do día a día” da institución provincial e, neste sentido, sostivo que a Deputación tramitou o ano pasado máis de 60.000 expedientes de forma íntegramente electrónica
Estar en contacto coa Deputación 24 horas ao día, hoxe é unha realidade. Un obxectivo cumprido, produto da implantación da administración electrónica, que permite unha grande axilidade na xestión de dilixencias.
Neste sentido, a Deputación coruñesa tramita xa todas as súas liñas de subvencións a concellos e entidades e os seus plans de investimentos nos concellos de forma íntegramente dixital, con “cero papel”, o que permite a redución de tempos na tramitación, aforro de tempo e diñeiro aos solicitantes e ao erario público e maior transparencia na xestión.