Deportes

REGRESA A PREFERENTE CUNHA NOVA XORNADA NA QUE O NOIA RECIBE A VISITA DO MUGARDOS, O BOIRO MÍDESE A DOMICILIO AO DUBRA E O CIDADE DE RIBEIRA ENFRÓNTASE AO MONTAÑEROS

A emoción do balompé volve esta fin de semana logo do parón polo entroido. A Preferente vivirá a súa 22 xornada con dous encontros que se disputan na comarca. O Noia fará de anfitrión ante o Mugardos, o Boiro desprázase para disputarse tres importantes puntos ante o Dubra. Mentres que o Cidade de Ribeira recibirá a visita do Atlético Coruña Montañeros.
O Noia defenderá o liderado do grupo Norte ante un rival moi esixente. Terá o arroupo da súa afección para dar folgos ante o Mugardos, equipo que sabe encontrar a forma de parar o xogo dos brancos. Os noieses veñen de disputar a fin de semana pasada a Copa do Sar, onde pecharon a súa clasificación para a terceira fase logo de impoñerse ao Cacheiras. E na última xornada da Preferente leváronse un partido moi disputado ante o Sofán. Nesta ocasión no outro lado do campo estará o Mugardos, noveno clasificado que chega ao Julio Mato logo de caer por un axustado 1-2 ante o Victoria CF. Este domingo ás 17.00 horas comenzará a rodar o esférico no Julio Mato no duelo no que o Noia e o Galicia Mugardos se verán as caras.
O Boiro buscará facerse cunha nova vitoria para seguir a estela do Noia e aproveitar un posible tropezo para adiantalo xa que os noieses só os avantaxan en dous puntos. Os do Barbanza visitan mañá o Juan Baleato onde se medirán ao Dubra, duodécimo clasificado do grupo Norte. Os boirenses queren volver á competición do mesmo xeito que chegaron ao parón: vencendo. Na anterior xornada sumaron un gran e sufrido triunfo ante o Club Lemos, ao que venceron por 1-0. O rival tamén chega en boa dinámica xa que vén de gañar ao Eume Deportivo tamén por 0-1.Mañá sábado a partir das 17.30 horas comezará o partido no que o Dubra e o Boiro se disputarán tres importantes puntos.
E o Cidade de Ribeira quere seguir ascendendo postos na clasificación sumando a súa segunda vitoria seguida. Aínda que os branquiazuis saben que teñen un gran reto por diante xa que reciben a visita do Montañeros, terceiro clasificado. Os ribeirenses buscarán prorrogar os bos resultados xa que antes do parón colocáronse décimo terceiros despois de gañar por 1-0 a As Pontes, rival directo pola permanencia. Nesta ocasión o reto será grande xa que o Montañeros encadea tres vitorias seguidas, a última pola mínima ante o Lalín. O anexo da Fieiteira encherase mañá sábado para animar ao Cidade de Ribeira neste duelo ante o Montañeros que comezará ás 17.15 horas.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.