O Vicepresidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, destacou hoxe as melloras dos servizos municipais que posibilitan as diferentes ordes de axudas que o seu departamento ten en marcha.
Rueda asistiu esta mañá en Porto do Son, xunto ao alcalde Luis Oujo, ao acto de entrega de dous vehículos que a Xunta puxo a disposición do concello, un tractor agrícola con desbrozadora e un remolque para o Servizo de Protección Civil municipal.
O concello de Porto do Son recibiu hoxe un tractor con desbrozadora. Trátase dun vehículo destinado a actuacións de protección do medio ambiente e do espazo natural e que, segundo destacou o vicepresidente, contribuirá tamén á prevención dos incendios forestais.
Esta dotación ao concello de Porto do Son foi posible grazas ao Fondo de Compensación Ambiental, que desde 2010 permite que os concellos se beneficien das explotacións eólicas instaladas na súa contorna. En concreto, o novo vehículo contou cunha subvención de preto de 90.000 euros (88.620 euros) procedente deste fondo.
O vicepresidente destacou que estas dotacións contribuirán a mellorar a contorna natural e tamén a seguridade dos veciños e, polo tanto, a súa calidade de vida, un obxectivo que constitúe unha prioridade para a Administración autonómica. Neste sentido, Rueda, aproveitou tamén para felicitar ao Concello de Porto do Son e, en concreto ao seu alcalde, por saber aproveitar estas axudas que contribúen a mellorar o seu territorio
A Xunta de Galicia a través das distintas ordes da Vicepresidencia leva investidos máis de 200.000 euros este ano en distintas actuacións no concello de Porto do Son, como é o caso da pavimentación do vial de Gándara a Campo de Patas, unha actuación na que Porto do Son concorreu de xeito conxunto co concello de Ribeira para optar as axudas da Orde de Infraestruturas de uso público; ou o acondicionamento do pavillón do colexio na parroquia de Xuño, tamén dentro da Orde de infraestruturas.
Estamos a falar dunha liña de subvencións que este ano contou con máis de 5 millóns de euros, o que nos permite subvencionar 172 proxectos repartidos por todo o territorio galego.
Por outra banda hoxe tamén se fixo entrega dun remolque destinado aos servizos de Protección Civil e Emerxencias e que se suma á embarcación xa cedida no mes de febreiro; ademais dun turismo e unha moto para a Policía Local.
En 2016 a Vicepresidencia, a través da Dirección Xeral de Emerxencias e a Axega, leva repartidos 28 equipos de emerxencias (todoterreos, remolques, embarcacións) na provincia da Coruña, cun investimento de medio millón de euros.
https://www.youtube.com/watch?v=S7BoWm4r4FU




