O presidente do Goberno galego en funcións, Alberto Núñez Feijóo, resaltou hoxe o compromiso da Xunta para que Galicia sexa “un país de certezas no que investir”, así o afirmou durante a inauguración da nave H da factoría de PSA Peugeot Citroën, á que se referiu como un dos froitos máis claros das certezas que está a proxectar Galicia.
Neste sentido, lembrou que proxectos coma este se puideron levar a cabo grazas a aprobación da Lei de medidas en materia de proxectos de urxencia ou de excepcional interese promovidos por administracións públicas.
Ademais de contar cun novo aparcadoiro con máis de 1.200 prazas, Feijóo subliñou que esta nave H contará cunha zona de almacenamento e distribución de pezas de automóbiles, que permitirá trasladar definitivamente a loxística de subministracións do obradoiro de ferraxe, onde se soldan as estruturas dos vehículos. Así mesmo, a súa proximidade á nave principal permitirá optimizar os procesos da factoría e achegarse máis ao concepto de Fábrica Excelente.
Durante a súa intervención, o titular da Xunta salientou que aspirar a ser unha Fábrica Intelixente tamén implica velar polo medio ambiente. E, neste senso, resaltou que esta nave contará ademais con paredes vexetais, que absorben materiais contaminantes e axudan a preservar a temperatura do interior, e estará iluminada integramente mediante tecnoloxía LED, reforzada ademais por placas fotovoltaicas na cara sur do nivel superior.
Feijóo incidiu en que a ampliación da nave H é a primeira actuación que permite a Lei de proxectos de urxencia, lembrando que o plan de transformación do polígono industrial de Balaídos -impulsado por PSA, a Zona Franca e a Xunta- supón un investimento de 81,4 millóns de euros.
Sobre este plan, o responsable do Goberno autonómico afirmou que o obxectivo é dotar con servizos e infraestruturas de vangarda un polígono no que reside o corazón da automoción galega, un dos sectores clave da economía galega.
https://www.youtube.com/watch?v=9eRrBB2Yc2k