Galicia pecha outubro cunha baixada do paro do 10,42% con respecto a 2015 rexistrando o maior descenso neste mes desde 1996

Galicia pechou o mes de outubro cun total de 198.940 persoas desempregadas, o que supón que o paro baixa con respecto a hai un ano nun -10,42%. É dicir, Galicia conta hoxe con 23.152 desempregados menos que en 2015, o que supón xa 3 anos de baixadas consecutivas e é o maior descenso producido en termos porcentuais nun mes de outubro en comparación co ano anterior de toda a serie histórica, é dicir, desde 1996.
A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, valorou hoxe os datos salientando que o Goberno galego está a traballar para afianzar esta evolución e seguir creando emprego estable e de calidade.

A responsable de Emprego apuntou que con respecto a hai un ano descende o número de persoas en paro nas principais variables: nas catro provincias, as 7 grandes cidades, todos os sectores, tramos de idade e tanto en homes como en mulleres.

A secretaria xeral de Emprego valorou, así mesmo, os datos das afiliacións á Seguridade Social destacando que o crecemento estase a consolidar, xa que aumentan con respecto a hai un ano nun 2,14% sendo xa 31 as subidas consecutivas, desde abril de 2014.
Con respecto ao mes pasado, o paro rexistrado subiu nun 2,37% concentrándose o incremento fundamentalmente nos sector servizos e na agricultura e pesca. Toca explicou que as subidas do paro no mes de outubro se producen de xeito habitual resaltando que o aumento producido este mes con respecto a setembro é, sen embargo, o menor producido en toda a serie histórica en termos porcentuais, desde 1996.
Por último, a secretaria xeral de Emprego indicou que hai que ser prudentes, pero que Galicia continúa coa tendencia positiva e a Comunidade rexistra hoxe menos parados que hai 7 anos.

https://www.youtube.com/watch?v=eRxkBHXmMTs

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.