Deputación Da Coruña

O Concello de Lousame promove un curso gratuíto dirixido a mulleres de aproveitamento dos recursos silvestres e do monte

O Concello de Lousame convoca un curso gratuíto de aproveitamento dos recursos do monte e dos recursos silvestres, que se impartirá na segunda quincena do mes de novembro nas instalacións do albergue de Toxosoutos. Unha acción formativa encadrada dentro do Programa de Fomento do Emprego das Mulleres, que conta co apoio da Deputación Provincial da Coruña. As veciñas de Lousame interesadas en participar deberán inscribirse no teléfono do Concello de Lousame (981 820 494) antes do 4 de novembro.

O curso terá unha duración de 30 horas, con sesións tanto teóricas coma prácticas impartidas por docentes especializados na materia. O obxectivo é que as 20 alumnas participantes aprendan a ver e a aproveitar o monte e a súa contorna rural como provedor de multitude de recursos para a vida diaria e como fonte de ingresos a través de diferentes traballos artesáns e de valorización cultural, tanto para o autoconsumo como para ofertar nos mercados.

Unha vez cubertas as vinte prazas ofertadas, o Concello de Lousame convocará ás mulleres inscritas a unha reunión onde se acordarán as datas e horarios das sesións coa intención de ofertar a maior flexibilidade posible para que as mulleres interesadas poidan conciliar esta formación coa súa vida familiar. Aqueles homes interesados no curso tamén se poden inscribir nunha lista de espera para, no caso de non cubrirse a totalidade das prazas ofertadas con mulleres, poder participar.

Durante o curso, estas 20 veciñas farán elaboracións con pequenos froitos, usarán plantas dos montes para remedios caseiros, coñecerán os cogomelos silvestres e o cultivo micolóxico, manexarán bimbios, codesos, corres, mimosas, xuncos e palla para elaborar envases e cestos, usarán palla para tecer sombreiros e barro para olería, e aprenderán como aproveitar o mel, a cera, o propóleo…

Unha vez rematado este curso, o Concello de Lousame ten previsto impartir unha última sesión incluída no programa de Fomento do Emprego das Mulleres: “Informática para mulleres emprendedoras”, que terá lugar en decembro e tamén será de balde.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.