O vicepresidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, destacou hoxe a importancia da cooperación entre as distintas administracións, tanto entre os propios concellos como entre o Goberno galego e os distintos municipios, para facer realidade actuacións que redundan directamente no benestar dos cidadáns.
Alfonso Rueda realizou hoxe unha visita ao concello de Boiro, onde puido comprobar, xunto co alcalde Juan José Dieste, as actuacións levadas a cabo grazas a axudas da Xunta de Galicia, que acadaron os 55.000 euros este ano. En concreto, o vicepresidente supervisou o resultado das obras acometidas no polideportivo de Praia Xardín, onde se investiron 26.500 euros ao abeiro da Orde de Infraestruturas de uso público e tamén supervisou as obras de construción dun muro de contención, no lugar de Entrimo.
Por último, cómpre subliñar que Boiro é un dos trinta concellos beneficiados das axudas da Xunta para reparar os danos dos temporais do pasado inverno. Rueda destacou o esforzo realizado polo Goberno galego, que desde un primeiro momento colaborou cos concellos, tanto para minimizar os danos como para reparalos. Así, a Xunta dispuxo preto de 25.200 euros nun convenio co concello de Boiro para que o municipio puidese facer fronte a esta situación sobrevida. O Goberno galego destina este ano un total de 5,3 millóns de euros este ano para 172 proxectos subvencionados nos concellos galegos. O alcalde de Boiro agradeceu as axudas que dende a xunta recibe este municipio.
Pero tamén o Fondo de Compensación Ambiental está a mellorar os servizos que ofrecen os concellos, que desde 2010 se benefician das explotacións eólicas. Estas axudas repercuten na mellora do medio ambiente, das facendas locais e beneficia aos veciños, como é o caso de Boiro, onde se melloraron os puntos de reciclaxe en Abanqueiro.
https://www.youtube.com/watch?v=vUp9322ZOYo