O Concello de Ribeira aprobou en xunta de goberno local un proxecto técnico dirixido a renovar os servizos e a pavimentación da rúa da Concha e dunha vía transversal a esta en Castiñeiras.
Esta actuación comporta un investimento de 165.444,16 euros e ten un prazo de licitación de catro meses. Agora, o próximo paso a dar antes de materializar a obra, que prosegue cos labores de humanización dos distintos núcleos e lugares das parroquias do municipio, é licitar a execución da mesma.
Actualmente tanto a rúa da Concha como a rúa transversal contan cun pavimento de formigón no que se apreza un deterioro significativo en forma de socavóns e disgregacións. Ademais, a rede de abastecemento esta feita en fibrocemento e non hai separativo de augas pluviais e fecais, polo que ambas circulan por un único colector.
En canto á pavimentación, preténdese adecuar este espazo á estética xa implementada en rúas lindeiras, de tal xeito que se empregarán lousas de granito combinadas con adoquíns de granito.