O director da UNED A Coruña, Germán Carro Fernández, deu por inaugurado oficialmente o curso 2016/2017 da UNED Sénior da Coruña nun acto celebrado esta mañá na escola da Minas de San Finx de Lousame. Un acto no que estivo acompañado pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde Pais; polo coordinador da UNED Sénior da Coruña, Luís Rodríguez Patiño; e por Carme Freire, representante da Asociación Maisdetres e impulsora da Aula de Toxosoutos da UNED Senior de Lousame; e Miguel Somoza, coordinador para Rianxo.
Ao acto oficial de apertura do curso da UNED Sénior da Coruña asistiron máis de 150 alumnos e alumnas chegados de Guitiriz, Monfero, Aranga, Paderne, Irixoa, Xermade, Lousame e Rianxo, principalmente, así como algúns maiores doutros municipios do Barbanza que asisten ás clases da Aula de Toxosoutos. A celebración contou tamén coa asistencia de historiadores como Felipe Senén e Clodio González, así como dos dous profesores que impartirán as materias da UNED Sénior de Lousame este ano: Fernando Docampo e Socorro Vázquez.
Teresa Villaverde salientou que “hai un ano que se asinou o convenio para poñer en marcha a UNED Sénior de Lousame, que está en Toxosoutos, un enclave natural e histórico excepcional” e amosouse moi satisfeita polos resultados .
Neste sentido, Villaverde Pais explicou que a elección da Escola das Minas de San Finx para acoller este acto non foi unha casualidade. “Aquí compartían ensino os veciños das aldeas cercanas cos fillos dos enxeñeiros da mina. E unha vez ao ano se reúnen aquí esas persoas para compartir o que aprenderon aquí”, explicou ante os maiores presentes. Ademais, fixo un chamamento á necesidade de conservar non só a memoria e as experiencias dos maiores, senón tamén do noso patrimonio.
Os dous cursos da UNED Sénior de Lousame que se desenvolverán ata Febreiro de 2017: Lanoterapia, a cargo da profesora Socorro Vázquez Montero (luns, de 16:00 a 18:00 horas); e Música Lousamiá, a cargo do profesor Fernando Docampo Abeijón (luns, de 19:00 a 21:00 horas). O prezo do curso completo é de 50 euros. Para formalizar a matrícula ou procurar máis información pódese contactar con: Socorro (647 28 27 64/socovazquezmontero@gmail.com), Fernando (655 27 38 58/trioaslens@gmail.com) ou Carme Freire (686 78 38 00/arrexo4@gmail.com).
https://www.youtube.com/watch?v=hLSw9wn5VJ8