A sede xudicial electrónica permite aos cidadáns e profesionais da Comunidade consultar a situación na que se atopan as demandas ou procesos xudiciais nos que sexan parte. Galicia é a primeira Comunidade en poñer en funcionamento a sede electrónica xudicial, cumprindo os requisitos que marca a Lei 18/2011 do 5 de xullo, reguladora do uso das tecnoloxías da información e a comunicación na Administración de Xustiza.
Nesta primeira fase da sede xudicial electrónica os cidadáns tamén poden consultar información dos procedementos que se poderán presentar en sede e verificar documentos electrónicos.
A sede xudicial está accesible no enlace https://sede.xustiza.gal e a través do portal xustiza.gal, que ofrece outros servizos complementarios como a axenda de sinalamentos de vistas, o calendario de gardas, a calculadora de taxas xudiciais ou o censo de letrados.
En Galicia todas estas pezas que compoñen o EXE, e que permitirán unha xustiza sen papeis, están en marcha, algunhas con anos de antelación respecto ao conxunto do Estado. É o caso de Lexnet, a plataforma de intercambio seguro de información entre os axentes do ámbito xudicial, que se implantou na Comunidade en 2010 e que desde 2014 xa tiña habilitada a funcionalidade de presentación de escritos. O pasado 1 de xaneiro entraba en vigor a obrigatoriedade de que todos os axentes xudiciais empreguen Lexnet, que rexistrou preto de 5 millóns de comunicacións telemáticas no que levamos de ano.