O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe, por unanimidade de todos os grupos políticos, as primeiras 117 obras e 42 actividades incluidas no novo Plan de Medio Ambiente (PMA), dotado con 5 millóns de euros e destinado ao financiamento de accións de mellora do entorno natural e a calidade ambiental nos 93 concellos da provincia.
Trátase dun dos plans máis ambiciosos realizados ata o momento pola Deputación en materia de Medio Ambiente, cuns criterios que priman aos concellos máis pequenos e rurais da provincia, que son os que teñen menos densidade de poboación e maior número de espazos verdes no seu territorio.
Os proxectos aprobados nesta primeira fase do plan supoñen un investimento de 4.980.103,82 euros en 85 municipios coruñeses, que servirán para a creación de novas zonas verdes e adecuación das existentes, melloras de parques e xardíns de titularidade municipal, adquisición de colectores de recollida selectiva de lixo, construción de novas redes de saneamento e abastecemento de auga ou implementación de melloras nos sistemas de alumeado público e de climatización de instalacións municipais orientados ao aforro e mellora da eficiencia enerxética, entre outras accións destinadas a mellorar o calidade ambiental dos concellos.
Dentro deste programa, os municipios dipoñen tamén de orzamento para a realización de actividades tales como auditorías e estudos de mellora da eficiencia enerxética, realización de mapas de ruídos, campañas de sensiblización medioambiental.
O pleno aprobou tamén hoxe, por unanimidade de todos os grupos políticos, un novo expediente modificativo de créditos que inclúe unha importante partida de 20 millóns de euros para o fianciamento dun novo plan de apoio aos concellos coruñeses.