Como é habitual, o pleno municipal do mes de outubro incluirá na súa orde do día a modificación das ordenanzas fiscais para o exercicio 2017 e seguindo a liña dos últimos dous anos a proposta que traslada o equipo de goberno volve a apostar pola conxelación de impostos, taxas e prezos públicos, introducindo incluso en determinados supostos reduccións puntuais e outras condicións máis ventaxosas para o contribuínte.
É o caso do Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica, que no documento que se vai a elevar a pleno o vindeiro luns 31 prevé a diminución nun 1% do coeficiente aplicable sobre as tarifas mínimas.
Polo que se refire á taxa para o uso de instalacións deportivas municipais, elévase ata os 23 anos a idade prevista en relación ás tarifas bonificadas por circunstancias de desemprego en aras a permitir que os rapaces non teñan que abandonar a práctica deportiva por problemas económicos familiares.
Ademais, incorpóranse tarifas de medio xornada na ocupación dos pavillóns para espectáculos deportivos. E establécese o redondeo das tarifas buscando unha maior operatividade no cobro directo ao eliminar as unidades de céntimos, tanto en relación a esta taxa como ao prezo público para a prestación de servizos e realización de actividades da Oficina Municipal de Deportes.
No que respecta á Taxa para a Realización de Actividades Urbanísticas, e en aras a evitar os elevados importes que veñen abonando algúns interesados que solicitan unha parcelación (e que segundo a ordenanza en vigor deben satisfacer o 2% do valor catastral de superficie, cun mínimo de 0,137517818 euros por metro cadrado) preténdese incluír un límite máximo que impida que a cota tributaria supere os 1.000 euros.
Outras medidas dispostas con relación a esta mesma ordenanza son explicitar que o valor catastral a empregar para a práctica da liquidación é unicamente o do terreo da finca matriz segregada, evitando que se incorpore ao mesmo o das construcións que puideran existir sobre a mesma; e, por outra parte, eliminar as mencións ao anterior sistema de liquidación do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras, que supón a aplicación do coeficiente do 2,5% sobre o orzamento de execución material da obra: un sistema que non se viña aplicando dende a actual ordenanza do ICIO.
Por último, cómpre informar de que, para un mellor análese do seu contido, a ordenanza de mercados será debatida nun pleno aparte no que tamén se tratarán os plegos de ocupación do resto do novo edificio.
https://www.youtube.com/watch?v=BUHqIFhQ7dA




