O presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, marcou o calendario para a aprobación dos Orzamentos autonómicos de 2017, con dous grandes fitos: na primeira xuntanza do novo Goberno, aprobar o Proxecto de lei de teito de gasto, e no Consello do 1 de decembro, previsiblemente, dar o visto e prace ao Proxecto de lei de orzamentos, para que poida comezar a tramitarse na Cámara o antes posible.
O Goberno autonómico en funcións foi adiantando traballo, pois leva semanas traballando nun borrador dos Presupostos e a principios de setembro aprobou un teito de gasto provisional para o próximo ano. O presidente lembrou que naquel Consello tamén se pediu un acordo dos grupos políticos do Congreso dos Deputados para deixar gobernar ás comunidades autónomas.
Os Orzamentos seguirán a senda trazada no Plan Estratéxico ata 2020, guía da economía galega, aínda que poderá ser actualizado en función das previsións económicas. Este documento incluirá os seguintes indicadores macroeconómicos: o PIB, que se prevé que medre un 2,3% en 2017, igual ca a media nacional (menos que en 2016, principalmente polo efecto do Brexit), e a taxa de paro, para a que se calcula unha baixada interanual de case dous puntos, que situaría a Galicia no 15,6%, 2,2 puntos por debaixo da estimación para o conxunto de España.
Feijóo avanzou que lle pedirá ao Parlamento autonómico que tome como prioridade a tramitación dos Orzamentos de 2017. Con este calendario, concluíu, cúmprese o mandato das urnas: estabilidade, unha axenda económica que favoreza o crecemento e a creación de emprego e traballo para seguir trasladando os beneficios da recuperación ao conxunto da poboación.
Por outra banda o presidente da Xunta en funcións destacou o incremento da liña de axudas ata un total de 26 millóns de euros para os mozos de entre 18 e 41 anos que queiran incorporarse á actividade agrogandeira.
Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo explicou que para acceder ás axudas os beneficiarios deben iniciar as actuacións do plan empresarial que presenten nos nove meses posteriores a que se lles notifique a concesión e completalas nun prazo de 24 meses. O 60% da cantidade recibiraa ao iniciar o plan e o 40% ao finalizalo.
O presidente da Xunta en función precisou que existen catro modalidades de incorporación á actividade agraria: a titularidade exclusiva; compartir a titularidade dunha explotación agraria prioritaria, como as situadas nunha zona de montaña; integración como socio nunha cooperativa; ou a titularidade compartida.