jueves, septiembre 21, 2023

A CONSELLERÍA DO MAR coordinará a presenza dos xestores náuticos en novos eventos de promoción internacional

A casa consistorial de Boiro deu cabida esta mañá a unha xuntanza entre responsables de Portos de Galicia e unha vintena de xestores de portos deportivos, clubs náuticos e marinas das tres provincias costeiras. Trala xuntanza o Presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán e o alcalde de Boiro Juan José Dieste deron conta das actuacións que se van realizar para continuar coa promoción do turismo náutico en Galicia.
O Concello de Boiro participa como administración local en todos os eventos promocionais impulsados por Portos de Galicia para a difusión da oferta náutica autonómica e pretende continuar nesa liña baixo o paraugas “Galicia Porto Único”.

Así neste encontro, os asistentes deseñaron a estratexia que seguirán de xeito coordinado para o vindeiro ano 2017 co obxectivo de incrementar a captación de clientes náuticos tras un verán de récord en cifras de tránsitos e turismo náutico.
De feito, só nos dous meses centrais do pasado verán, xullo e agosto, recibíronse nos peiraos deportivos de titularidade autonómica máis de 5.000 embarcacións, incrementando nunha media de preto do 20% as cifras rexistradas o pasado ano. O mes de agosto en concreto, con máis de 3.000 tránsitos, marcou o teito dos rexistros mensuais ata o momento.

A captación de novos turistas náuticos para os peiraos autonómicos é unha liña estratéxica de traballo para a Consellería do Mar polo que manterá a súa presenza nos eventos promocionais nacionais e europeos e impulsará a participación dos xestores que así o decidan. Neste sentido, de cara ao próximo ano, ademais da participación en feiras e salóns como Fitur, en Madrid, ou o Salón Náutico de París e o Grand Pavois de La Rochelle (Francia), Portos de Galicia prevé participar no salón náutico de Southampton (Reino Unido) e valora outras posibilidades en Alemaña e Irlanda.

Portos de Galicia marcouse así dous obxectivos, a fidelización da presenza de embarcacións estranxeiras nos portos Galegos, e expansión promocional nos mercados do Norte de Europa.

https://www.youtube.com/watch?v=d4KeyREw__k

Related Posts

Load More Posts Loading...No More Posts.