Satisfacción no Concello de Ribeira, tras coñecer que o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente vén de aprobar con carácter definitivo a rectificación do deslinde na zona norte da parroquia de Palmeira entre a praia dos Casqueiros e o límite con A Pobra do Caramiñal. En virtude deste acordo, a servidume de protección pasa de 100 a 20 metros, o que vai permitir a regularización dos inmobles que se sitúan entremedias.
Deste xeito, vense satisfeitas as pretensións do Concello e dos propios veciños, que levan anos defendendo este cambio ao entender que se trata dunha área de poboación que dispoñía dos servizos urbáns antes da entrada en vigor da Lei de Costas de 1988: unha aspiración que se puido materializar tras as modificacións normativas introducidas polo Real Decreto 876/2014, de 10 de outubro.
Cómpre lembrar que no pasado mes de abril abriuse un prazo de exposición pública dun mes tras a aprobación provisional da rectificación, que agora toma carácter definitivo á espera de ser anunciada no boletín oficial. Esta resolución da maior confianza a lograr a redución do deslinde noutras zonas do municipio, como son a zona de Fontán, no Touro, o alto do Touro, un pico de Insuela e algunha zona de Corrubedo,
Máis complicado é lograr a redución do deslinde nos Areeiros, onde o Tribunal Supremo emitiu unha sentenza que non recoñece a zona afectada como núcleo urbán antes do 88, polo que terá que resolverse por outras vías.
https://www.youtube.com/watch?v=QbEAXtzypJY