O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, coa única abstención do Grupo Mixto, a reforma da Lei 1/1993, de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade, a través da que se actualizan as sancións previstas, se establece o compromiso do Goberno galego de elaborar campañas e iniciativas de sensibilización, así como se recolle o compromiso da Xunta de dedicar os ingresos por esas sancións a accións que teñen como fundamento a protección dos animais.
O portavoz de Conservación da Natureza do Grupo Popular, Santiago Freire, afirmou que “unha sociedade avanzada mídese polo trato que dispensa aos seus animais” e agradeceu “a todos os grupos as aportacións e propostas que fixeron durante o traballo en ponencia e comisión deste texto lexislativo en aras de acadar un texto máis axeitado e adecuado á sociedade actual”
Freire manifestou que “avanzar na boa dirección require da intervención de toda a sociedade, das distintas administracións e, fundamentalmente, daqueles que posúen animais, ademais de que exista unha coordinación eficaz das distintas administracións, das forzas de seguridade e dos colectivos implicados”.
Na súa intervención, o portavoz popular puxo de manifesto que “existe unha maior sensibilización” e concretou que o actual marco normativo, baseado nunha lei do ano 1993 e un decreto de 2002, artella medidas como a identificación obrigatoria dos animais, a creación dun rexistro autonómico de animais de compañía; as condicións hixiénicas, sanitarias ou a alimentación, así como a venda irregular.
http://youtu.be/vFTsxBhxebs