O Concello de Ribeira vén de realizar en Couso unha actuación dirixida a mellorar os equipamentos e instalacións dispostas na súa zona recreativa e propiciar a súa integración no envexable medio natural no que se sitúan, de gran valor tanto ecolóxico como paisaxístico e moi frecuentada por veciños e visitantes.
A iniciativa foi executada pola empresa Jenaro Cadaval e comportou un investimento de 50.699 euros. Está subvencionada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia e cofinanciada con fondos Feader.
Unha das accións realizadas no marco do proxecto foi a plantación de novas especies autóctonas, dado que os temporais do pasado inverno derribaron algúns piñeiros localizados nesta zona que era aconsellable restituír con nova masa arbórea.
Ademais, substituíronse os bancos e mesas de pedra en mal estado que había no merendeiro por outros novos e restauráronse con pedra as cubertas das barbacoas.
Tamén se colocou unha torre de xogos infantil de nova creación, con columpios, tobogáns e outros elementos ideados para o disfrute dos pequenos.
Paneis interpretativos
A modo de complemento, nos próximos días instalaranse paneis interpretativos que fagan referencia, por un lado, ao patrimonio etnográfico e á arquitectura civil e, por outro, ao patrimonio natural e rutas de sendeirismo que descorren polo entorno.
http://youtu.be/t1BlAAfWLJU