O Boiro Voleibol buscaba esta fin de semana a terceira vitoria para o seu casilleiro na súa visita a Soria. E estivo a punto de sumala logo dunha remontada que foi sufocada a tempo polo equipo local para anotarse a vitoria por un apertado 3-2.
O inicio do duelo entre o Rotogal e o Sporting Soria non foi o esperado para os barbanzáns. Os boirenses foron superados con polos locais nos dous primeiros sets do partido xa que dominaron e pasaron por riba dos boirenses, amosándose fortes en defensa e aproveitando os erros dos visitantes. O primeiro xogo caeu do lago local por un axustado 25-22, mentres que o segundo finalizou cun contundente 25-18 para o Soria.
A falta da chispa e a lucidez do Rotogal facía pensar que o choque remataría pola vía rápida, pero os boirenses refixéronse e equilibraron forzas no terceiro período. Estivo moi disputado e o conxunto adestrado por Adrián Alves amosou a súa garra para seguir vivo no encontro sumando o terceiro período por 29-31. A mellora no xogo estivo acompañada por un aumento de moral o que lles serviu para poñer o 2-2 e levar o partido ao quinto e definitivo parcial.
Foi nese momento cando o Sporting Soria, animado pola súa afección, reaccionou e non deixou escapar o triunfo ao poñer o 15-11 no marcador. O Rotogal suma un punto e a entrada á dinámica de Renato Mendes, que rematou o encontro con 32 puntos. Os boirenses remataron a quinta xornada no sexto lugar da clasificación.