Deportes

NA PREFERENTE, O NOIA PERDEU POLA MÍNIMA ANTE O CASTRO

Esta fin de semana a Preferente viviu unha xornada intensa de fútbol. Os equipos da comarca enmarcados no grupo Norte obtiveron resultados variados nunha nova xornada na que o Boiro non puido disputar o seu encontro polo mal estado do terreo de xogo das Pontes. O Noia non puido facerse co triunfo na casa ante o Castro, mentres que o Cidade de Ribeira venceu con solvencia ao Eume Deportivo.

Esta é a segunda xornada seguida que o Boiro non pode xogar o seu encontro. A do pasado mércores coincidiu co choque copeiro ante o Mallorca e onte o paso de Domingos fíxose notar no Poboado, que estaba impracticable. O seu mal estado obrigou a adiar o encontro polo que os boirenses xogaron dous encontros menos que os seus rivais, agás o Noia que ten que disputar o derbi do pasado mércores. Aínda así o Boiro permanece terceiro na clasificación.

Un posto por debaixo, no cuarto, atópase o Noia que non puido facerse co triunfo no seu enfrontamento ao Castro. Os noieses saltaron ao Julio Mato sabedores do complicado encontro que vivirían. E así foi. O Castro adiantouse no minuto 15 dende os 11 metros, un penalti moi discutido polo conxunto local xa que o colexiado pitou man de Adrián Maroñas cando o defensa se lanzou para tapar un disparo e o balón impactoulle no brazo despois de rebotar no muslo. Os brancos tiveron nas súas botas varias ocasións para igualar o marcador, pero os erros ante a portería rival o impediron. E pouco antes de enfilar vestiarios, o Castro ampliou vantaxe no 43. Na segunda metade os xogadores dirixidos por Iván Carril seguiron atacando na procura do gol, que chegou no 65 e levou a firma de Brian Castro. O Noia tivo máis ocasións claras para empatar e incluso para levarse o partido, pero a falta de acerto lastrou ao conxunto local. Dura derrota para os noieses, que a falta dun encontro por xogar caen ao cuarto lugar.

A parte positiva se viviu en Ribeira, onde o equipo local sumou unha importante vitoria ante un rival directo pola permanencia: o Eume Deportivo. Os ribeirenses sumaban sete xornadas sen gañar polo que se achegaban de forma perigosa aos postos de descenso. Sabedores da súa situación, os branquiazuis saíron a polo encontro dende o comezo tras gardar un minuto de silencio en memoria de Miguel Ruiz Rivas. Esporeados pola afección, os ribeirenses adiantáronse cedo no marcador. No minuto 13 xa ían 2-0 grazas a dous tantos de Adao Oliveira. Os xogadores de Manuel Ángel pena non sacaron o pé do acelerador e no 29 José Antonio Aguado puxo o 3-0 que daba tranquilidade ao equipo. Tras o paso por vestiarios o encontro pouco mudou xa que o Cidade de Ribeira seguiu dominando e creando ocasións. E así chegou o 4-0 que levou a firma de Yago Rivas e subiu ao marcador no 51. O electrónico non se volveu a mover confirmando o triunfo dos ribeirenses que son décimo cuartos e teñen un colchón de dous puntos co descenso marcado polo Mugardos.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.