O vicepresidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, destacou hoxe na rolda de prensa do Consello que Galicia aforrará 65 millóns de euros ao beneficiarse neste 2016 do Fondo de Financiamento para comunidades que cumpren o déficit.
Logo de que o Consello da Xunta aprobase hoxe o acordo de adhesión ao Fondo de Facilidade Financeira correspondente ao cuarto trimestre de 2016, Rueda salientou que só Galicia e Canarias se poden adherir a este fondo.
Durante a súa intervención, o vicepresidente en funcións lembrou as numerosas vantaxes deste fondo que ofrece financiamento a custe 0, incidindo en que isto permitirá á comunidade aforrar en xuros 65 millóns de euros coa adhesión a este mecanismo neste 2016.
Alfonso Rueda afirmou que Galicia quere seguir sendo a comunidade de referencia no control do déficit e da débeda pública. Sobre este punto, recordou que Galicia ten unha ratio de débeda seis puntos inferior á media; é a terceira que menos aumentou o seu déficit desde 2010, cumprindo cada ano os límites fixados polo Consello de Política Fiscal e Financeira, e mantense entre as autonomías que pagan con máis axilidade aos seus provedores, case un mes antes que a media.
O vicepresidente do Goberno galego en funcións, Alfonso Rueda, avanzou tamén que o Plan de reforzo de firmes comprenderá en 2017 novas obras en 85 estradas da rede autonómica galega. Este plan suporá actuacións en 700 novos quilómetros cun investimento que, como en 2016, roldará os 20 millóns de euros.
Rueda subliñou que a Axencia Galega de Infraestruturas manterá o esforzo do Plan deste ano, que xa se atopa executado en máis do 80 por cento. O obxectivo para este exercicio é o de actuar sobre 638 quilómetros de estradas cunha mobilización de 24 millóns de euros. A día de hoxe xa se obrou sobre 520 quilómetros de estradas autonómicas.
https://www.youtube.com/watch?v=TQqFqwGoWuw