A secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, recibiu esta mañá ao alcalde da Pobra de Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro, co fin de consultar a viabilidade de diversas propostas urbanísticas.
O alcalde trasladou a posibilidade de levar a cabo modificacións puntuais do Plan Xeral de Ordenación Municipal, vixente dende xullo do ano 2008, co fin de reubicar distintos equipamentos dotacionais públicos (deportivos, educativos etc) ubicados en distintas zona do concello, que están pendentes de desenvolver, a outras zonas co fin de contrarrestar o déficit deste tipo espazos públicos onde son necesarios.
Neste senso, a secretaria xeral expuxo a tramitación necesaria para unha modificación puntual do planeamento vixente, con arranxo á nova Lei 2/2016 do Solo de Galicia, e as vantaxes que o novo marco urbanístico contempla ao respecto: importante redución de prazos e axilización administrativa motivada pola tramitación urbanística e ambiental paralela, solicitude dos informes sectoriais autonómicos con cargo á Xunta e emisión dos mesmos (AXI; Patrimonio, Costas, POL, Augas etc) nun prazo de 3 meses operando o silencio positivo,etc. Asemade tamén ofreceu o apoio e colaboración técnica para a resolución de calquera consulta ou dúbida relacionada coa mesma.
O alcalde, que manifestou que o concello iniciará a tramitación do expediente de xeito inmediato, tamén trasladou que procederán a tramitar unha corrección de erros do plan xeral vixente.
https://www.youtube.com/watch?v=om6Qkiu97s4