Riveira Acollerá A Sesión Inaugural Dunhas Xornadas Da Universidade De Santiago Sobre Conservación Do Medio Natural

Riveira vai ser escenario este mércores 24 de setembro dunhas xornadas divulgativas que, baixo a organización da Universidade de Santiago de Compostela e o patrocinio de Turismo de Galicia, levan por título “A conservación do medio natural, tarefa común”.

Nas xornadas, coordinadas polo director de Comunicación da USC, Luís Celeiro, participarán profesores e investigadores, maioritariamente do Campus de Lugo, que lles prestarán especial atención a cuestións ambientais de interese xeral e relacionadas coa comarca na que se celebre cada conferencia.

Riveira será a localidade que inaugure o vindeiro mércores estas xornadas de divulgación coa conferencia: A biodiversidade da plataforma e cantil de Galicia: uns fondos excepcionais necesitados de medidas de conservación, impartida polo catedrático de Zooloxía da USC Victoriano Urgorri Carrasco, acompañado pola investigadora na Estación de Bioloxía Mariña da Graña Xela Cunha Veira, ambos moderados polo xornalista Xoán Piñeiro Cochón.

A xornada de Ribeira dividirase en dúas sesións: unha matinal, ás 12.00 horas no IES Nº 1, dirixida principalmente aos estudantes de Bacharelato deste centro educativo; e outra de tarde, ás 20.30 horas, no salón de actos do Centro Cultural Lustres Rivas, con entrada libre para todos os cidadáns que queiran acudir a esta cita.

Este esquema repetirase ao longo de todo o ciclo de conferencias, o que representa que 40 profesores e investigadores, moderados por 20 especialistas en comunicación, van difundir o coñecemento adquirido e creado en Lugo, dando mostras da fortaleza deste Campus, con varias titulacións moi relacionadas co desenvolvemento do territorio e do medio natural, rural e urbano, tanto nas áreas xeográficas do interior como nas costeiras.

http://youtu.be/3Xjj99CJiFc

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.