Rey Varela destaca o traballo de APAMP a favor das persoas con parálise cerebral e lembra o convenio para a mellora educativa dos nenos afectados por este problema

O conselleiro de Política Social en funcións, José Manuel Rey Varela, visitou esta mañá o centro integral de Navia da Asociación de Persoas con Parálise Cerebral (APAMP), un centro que conta con 34 prazas concertadas e no que a Consellería de Política Social investiu un total de 950.000 euros: 700.000 euros para a súa construción e 250.000 euros para o seu equipamento. Alí o conselleiro salientou a importancia de sensibilizar á sociedade acerca desta doenza para fomentar un maior coñecemento das circunstancias específicas asociadas ás persoas con este tipo de trastornos. Asemade lembrou o convenio asinado recentemente entre a Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica e APAMP para a mellora da intervención educativa cos nenos e nenas de 0-3 anos afectados de parálise cerebral e trastornos afíns. Deste xeito, a Consellería e APAMP colaboran conxuntamente para mellorar a intervención educativa co alumnado da rede galega das escolas infantís.

Na súa intervención, o conselleiro en funcións gabou o traballo de APAMP á que definiu como unha entidade sen ánimo de lucro prestadora de servizos sociais creada no ano 1977 e orientada á prestación de servizos de carácter integral ás persoas con parálise cerebral e con trastornos afíns, así como ás súas familias ao longo do seu ciclo vital. Ten como misión contribuír ao desenvolvemento do proxecto de vida de cada persoa con parálise cerebral ou trastorno afín. Rey Varela destacou que APAMP é “pioneira en Galicia na integración en centros de educación ordinarios, aulas específicas en colexio ordinario e servizo de respiro familiar especializado a persoas con parálise”.
Neste eido, Rey Varela salientou a importancia da colaboración da Xunta de Galicia coas entidades do tecido social para prestar unha mellor atención ás persoas que máis o precisan. Así, indicou que o Goberno Autonómico -que leva colaborando estreitamente desde 1994 con esta asociación- seguirá apoiando o traballo de APAMP como demostra o incremento do investimento da Xunta de Galicia en 2016 que acadou os 1.298.396 euros entre concerto de prazas e voluntariado, o que representa un aumento de máis de 12.000 euros respecto ao exercicio anterior.

https://www.youtube.com/watch?v=eSiFBvGpW1s

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.