O Divino Nazareno Adorado Por Centos De Persoas

Velas, túnicas moradas e pés descalzos volveron ser, un ano máis, os elementos rechamantes da estampa que onte se rexistrou na Pobra. O pano de fondo constituíano as miles de persoas que abarrotaron a localidade para arroupar ao Divino Nazareno no seu desfile. Foi, como sempre, o mellor colofón para o cartel estival de citas lúdicas. Nin sequera o sol quixo faltar e tras unha semana de intensas choivas non só apareceu, senón que deixou en Barbanza temperaturas por encima dos 25 graos.
Resulta difícil determinar o número de persoas que onte quixeron mostrar a súa devoción cara ao santo pobrense. Había quen dicía que a afluencia era menor que noutras ocasións, mentres que outros aseguraban que se trataba dunha das edicións máis concorridas. O certo é que veciños e visitantes, chegados en coche ou nos 207 autobuses que aparcaron na zona portuaria, colapsaron desde primeira hora a igrexa do Caramiñal e os seus arredores, para participar despois nunha procesión que se prolongou durante máis de dúas horas.
Integraban o núcleo desta comitiva as autoridades, capitaneadas pola conselleira Beatriz Mato, o senador Torres Colomer e o rexedor local; os membros da banda da Escola Militar de Marín e os sete cadaleitos que precedían ao santo. O momento máis emotivo tivo lugar, como é tradición, cando a imaxe chegou á altura da Covecha. Alí, a marea humana fixo un alto no camiño e, baixo o estrondo dunha impresionante traca de bombas, decenas de devotos intentaron tocar ao Nazareno ou pasar pola súa túnica infinidade de obxectos persoais.
Concluída a procesión das Mortaxas e a misa posterior, atopar mesa nos locais hostaleiros da vila converteuse nunha difícil misión.
As celebracións en honra do Nazareno continúan hoxe na Pobra cun programa que inclúe a instalación de xogos inchables para os nenos a partir das 11.00 horas na praza Segundo Durán, a verbena a cargo de Olympus e unha sesión de fogos artificiais e acuáticos a medianoite.

http://youtu.be/-wXePuvHXlM

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.