Cando se cumpren cen anos dos acontecementos da ponte de Cans, en Nebra, o BNG de Porto do Son xunto a familiares das vítimas preparan unha homenaxe . Cinco persoas morreron a causa dos tiros da garda civil durante unha concentración na que participaron 300 veciños para evitar un embargo que consideraban inxusto, ademais houbo 40 feridos. Os falecidos foron Rosa Cadórniga Maneiro, Francisca Carou, Antonio Sobrado Luaces, Ramona Suárez Pouso e Xenerosa Vidal Cadórniga.
Os actos para lembrar as vítimas vanse celebrar en dúas xornadas, o sábado 8 e o mércores 12 de outubro. O sábado, no Local Veciñal de Nebra, a partir das 18:00 horas proxectarase a curtametraxe “Nebra”. O mércores 12 de outubro, coincidindo co centenario, ás 11:00 horas, na Igrexa Parroquial de Santa María de Nebra celebrarase unha misa na lembranza das vítimas. No Local Veciñal de Nebra, ás 17:00 horas, terá lugar a presentación do libro “Os tráxicos sucesos en Cans (Nebra) 1916. Cen anos na lembranza”, a cargo do seu autor, Manuel Mariño Del Río, de Xerardo Agrafoxo (Barbantia) e de Ánxela Franco Pouso (Deputada Provincial). Ao remate na Ponte de Cans terá lugar o acto central, ás 18:30 horas, unha ofrenda floral.
https://www.youtube.com/watch?v=erV6ZhkkYQ8