jueves, septiembre 28, 2023

Comezan as labores de rexeneración dos montes de Porto do Son co esparexemento aéreo da palla

Precisamente hoxe, a Conselleira supervisou os traballos de helimulching, que consisten en cubrir o solo con palla para protexelo da erosión e así evitar que os arrastres poidan afectar aos leitos dos ríos e ao mar. Alí, lembrou que está aberto o prazo para solicitar as axudas para particulares que sufriran perdas a consecuencia destes lumes, dotada cun orzamento dun millón de euros. Ángeles Vázquez indicou que os traballos de rexeneración comezaron de forma urxente á semana de producirse o gran incendio forestal, no que arderon preto de 18000 hectáreas, co restablecemento de peches para o gando que estaba de forma extensiva nos montes da zona, ademais de provelos de alimentos, e co arranxo e aprovisionamento das colmeas.

A técnica de helimulching que se empregou esta mañá nos montes de Queiruga e Caamaño, e que se extenderá a outras zonas afectadas nas que non hai arborado, ten unha efectividade de preto do 100%, como xa foi comprobado en anteriores ocasións, polo Centro de investigacións de Lourizán. O Helicóptero realiza cada 3 minutos unha descarga de entre 600 e 900 kl de palla, cubrindo de cada solta uns 3,000 m2 de terreo.

Ademais das actuacións específicas de consolidación de solos vanse realizar outras accións, como a eliminación de madeira queimada sen valor de mercado para mellorar a posterior rexeneración do arborado ou aproveitamento da madeira recuperable; mellorar as infraestruturas forestais das zonas queimadas e recuperar infraestruturas de protección dos terreos forestais, tales como peches gandeiros afectados incluíndo a substitución dos queimados e as súas infraestruturas complementarias.

A titular de Medio Rural estivo en contacto co alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, para tratar de paliar os danos acontecidos o antes posible. Neste senso, fai quince días que comezaron na zona os traballos para a recuperación do potencial forestal, a través de actuacións como sementados rexenerativos ou a reparación de cunetas e obras de paso para facilitar a capacidade de evacuación de augas. Segundo explicou o alcalde estase a cumprir o compromiso acadado cos veciños e afectados.

Ángeles Vázquez reiterou o compromiso da Xunta na recuperación dos montes galegos, un patrimonio que se ve afectado pola indecencia de quen lle prende lume, asegurou. Por iso, a Xunta destina un orzamento de seis millóns de euros para facer un control dos riscos hidrolóxicos erosivos asociados aos lumes e atallar os posibles procesos de degradación dos solos afectados e así contribuír a recuperar o potencial forestal.

Ademais destes 6 millóns de euros, a conselleira destacou que o seu departamento abriu unha liña de axudas para particulares que sufriran danos polos incendios deste verán cun orzamento dun millón de euros. Achegas, cuxo prazo de presentación está aberto dende este martes. Estas achegas, de carácter excepcional, súmanse ademais ao resto de liñas de axudas postas en marcha dende as distintas consellerías co mesmo fin e que, xuntas, alcanzan os 10 millóns de euros.

https://www.youtube.com/watch?v=_3TSWfggUEQ

Related Posts

Load More Posts Loading...No More Posts.