Sin categoría

Cultura e Educación destina 200.000 euros ás bolsas de inicio de estudos universitarios

Estas axudas teñen como obxectivo cubrir o alumnado que acceda á educación superior cunha nota media igual ou superior a 5 puntos e inferior a 5,5 puntos
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria de axudas para o inicio de estudos universitarios no curso 2016/17 nas universidades do Sistema universitario de Galicia. Estas bolsas teñen como obxectivo cubrir o alumnado que inicie a educación superior e que acceda a ela cunha nota media igual ou superior a 5 puntos e inferior a 5,5 puntos; que non poden obter as axudas do Ministerio do ramo.
O departamento educativo do Goberno galego destina un total de 200.000 euros a estas bolsas cuxo importe por beneficiario vai dos 862,9 € para as titulacións encadradas dentro da rama de Ciencias, Ciencias da Saúde e Enxeñaría e Arquitectura e dun máximo de 618,1 € para as titulacións da rama de Artes e Humanidades e Ciencias Sociais e Xurídicas.
No curso 2015/2016 recibiron estas bolsas un total de 131 estudantes. Ademais, a Consellería convocará tamén as axudas para a continuación de estudos no SUG, das que no ano académico anterior se beneficiaron 192 alumnos.
Prazo e requisitos
Entre outros requisitos, os aspirantes ás axudas deberán estar matriculados por primeira vez en primeiro curso nunha universidade do SUG dun mínimo de 60 créditos en ensinanzas conducentes á obtención dun título oficial de grao; e non estaren en posesión dunha titulación universitaria do mesmo nivel ou superior. A convocatoria pode consultarse no enlace http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2016/20161004/AnuncioG0164-220916-0004_gl.html .
Os interesados dispoñen dun mes de prazo –a partires de mañá- para solicitar as axudas, que poderán tramitar preferentemente por vía electrónica na sede https://sede.xunta.es , ou ben en soporte papel en calquera dos rexistros legalmente establecidos.

Salir de la versión móvil