A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria apoiará este ano un total de 91 proxectos municipais destinados a mellorar locais e instalacións de toda Galicia nos que se vén desenvolvendo unha programación cultural estable.
As axudas –promovidas pola Secretaría Xeral de Cultura e dotadas nesta convocatoria con 500.000 euros– destínanse á realización de investimentos de equipamento escénico, iluminación e son, equipamento audiovisual, xeral de sala, sistemas de prevención e seguridade e novas tecnoloxías, así como a accións encamiñadas á mellora da accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas.
Entre os beneficiados desta liña de subvencións están os concellos de Porto do Son, Muros, Ribeira e A Pobra do Caramiñal.
Estas axudas están enmarcadas dentro das diversas iniciativas que desenvolve a Consellería de Cultura e Educación para impulsar a creación e promover e difundir a cultura nos seus diversos eidos a través da xestión das diferentes axudas e instrumentos de colaboración coas asociacións, fundacións, movementos colectivos, persoas físicas, corporacións locais e industrias culturais, que desenvolvan un labor cultural dentro do seu ámbito competencial.
Non en balde, o obxectivo concreto das axudas é mellorar as instalacións e locais das entidades municipais para facilitar o reequilibrio territorial na distribución cultural e tratar de contribuír a que toda a cidadanía teña as mesmas oportunidades de acceso á cultura.