O Concello de Lousame pon en marcha os seus Obradoiros de Memoria, unha actividade gratuíta dirixida a maiores de sesenta anos

A Concellería de Servizos Sociais do Concello de Lousame pon en marcha por décimo cuarto ano consecutivo os seus Obradoiros da Memoria, unha iniciativa gratuíta dirixida a mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas maiores do municipio a través de actividades para manter e mellorar capacidades como a atención, a memoria, o cálculo ou a linguaxe. Uns obradoiros incluídos dentro do Programa de Dinamización de Persoas Maiores, subvencionado pola Deputación Provincial da Coruña.

Os Obradoiros da Memoria de Lousame están abertos a todos os veciños e veciñas maiores de 60 anos. As actividades, que comezan mañá martes 4 de outubro, levaranse a cabo todas as semanas entre outubro e xuño nos distintos locais sociais das parroquias. A inscrición é totalmente de balde e está aberta durante todo o curso, polo que calquera alumno ou alumna que desexe participar só ten que poñerse en contacto cos Servizos Sociais de Lousame ou chamar ao 981 820 494.

Impartidos por persoal dos Servizos Sociais de Lousame, o obxectivo dos Obradoiros da Memoria é “mellorar a calidade de vida dos nosos maiores exercitando a súa memoria para previr ou retardar a aparición do deterioro cognitivo, ao tempo que promovemos a xuntanza de veciños e veciñas para lembrar o que xa saben e seguir aprendendo cousas novas”, explica a concelleira de Servizos Sociais, Silvia Agrafojo.

Os Obradoiros da Memoria impartiranse a partir de mañá martes nos locais sociais das distintas parroquias, salvo en Tállara onde terán lugar na escola do Sanguiñal. As sesións de presentación terán lugar o martes 4 de outubro en Vilacoba (10:15 horas) e Lesende (12:00 horas); o mércores 5 de outubro na Escabia (10:30 horas); o venres 7 de outubro en Aldeagrande (10:00 horas) e Cruído (10:00 horas). A sesión inaugural no Sanguiñal será o martes 11 de outubro (10:15 horas) e en Camboño o mércores 19 de outubro (10:30 horas), mantendo así os mesmos días e horarios co ano pasado.

https://www.youtube.com/watch?v=76q11PNCH1I

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.