O Concello de Lousame sae do Plan de Axuste en menos de dous anos e tres meses antes do previsto segundo destacou no último Pleno a alcaldesa, Teresa Villaverde

O pleno aproba por unanimidade a continuidade de Dolores González Castro como xuíz de paz e o nomea a Mariña Fernández como xuíz substituta

O pleno municipal celebrado en Lousame aprobou por unanimidade a saída do Concello de Lousame do Plan de Axuste, adoptado en 2012 por mor do crédito ICO para o pago a provedores. Este Fondo de Financiamento de Pago a Provedores ascendía a 299.009,81 euros e, a pesar de que tiña aínda varios anos máis de cadencia, a boa xestión económica do Concello de Lousame permitiu amortizalo en menos de dous anos e tres meses antes do inicialmente previsto.
A alcaldesa, Teresa Villaverde, amosou a súa satisfacción pola desaparición do Plan de Axuste xa que segundo explicou isto demostra a boa saúde económica do Concello, que ten unha débeda viva moi baixa.
Durante este verán de 2014 o Concello de Lousame foi quen de amortizar máis de 200.000 euros deste préstamo: 109.099 euros en xullo, 3.125 euros en agosto e os restantes 96.875 o pasado 8 setembro, xa que o resto fora amortizado en maio e xuño de 2013. Deste xeito, o Concello de Lousame adiántase ás súas propias previsións logrando isto tres meses antes do previsto.
Un adianto que se xustifica en gran parte nos bos datos da liquidación do orzamento de 2013, que situaban a débeda municipal no 20,26% e un remanente de Tesourería de 266.412,06 euros, o que supuxo un aforro global superior ao previsto inicialmente no Plan de Axuste. As previsións do Concello de Lousame son que a finais de 2014 a débeda se sitúe no 8,067%, cunha débeda viva de tan só o 18% fronte ao 27,22% rexistrada en 2013.

O pleno municipal tamén aprobou a Conta Xeral de 2013 cos votos a favor de PP e PSOE, e coa abstención do concelleiro de Compromiso por Galicia. Unha vez exposto ao público sen que se presentase recurso ningún, o Concello de Lousame remitirá a Conta ao Consello de Contas en tempo e forma.

A unanimidade presidiu a elección da xuíz de paz, posto ao que se presentaron dúas solicitudes. O pleno decidiu a continuidade no seu posto de Dolores González Castro, mentres que Mariña Fernández quedou proposta como xuíz substituta. O Concello de Lousame elevará esta proposta ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, entidade encargada do nomeamento oficial de ambas.

http://youtu.be/BvjOR0gUQg0

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.