Muros

O servizo de gardacostas requisa preto de 2 toneladas de peixe e marisco e máis de 1.100 aparellos de pesca en diversos operativos contra o furtivismo

Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, requisaron máis de 1.740 quilos de peixe e marisco e 1.123 aparellos de pesca en diferentes operativos realizados nos últimos días. Os inspectores da Xunta tamén se fixeron con 750 metros de artes de enmalle.

A Ría de Arousa foi escenario de diversas actuacións de gardacostas nas que os axentes comisaron máis de 110 quilos de diversas especies e 33 aparellos de pesca. O operativo máis destacado tivo lugar nas zonas de Punta Castro e Punta Touro, onde os axentes se fixeron con 22 quilos de polbo e con 33 cacharros de plástico empregados para a captura deste cefalópodo.

Na Ría de Vigo tamén se realizaron operativos contra a pesca ilegal que se saldaron co comiso de 1.170 quilos de xouba no porto de Guixar que carecía de documentación e coa incautación de 80 nasas para a nécora nas zonas de Temperás e Samil.

A Ría de Muros e Noia tamén foi escenario de diversas actuacións contra o furtivismo nas que os axentes se fixeron con máis de 506 aparellos de pesca e 96 quilos de peixe e marisco. Na actuación máis destacada os inspectores incautaron 255 nasas e cacharros de polbo e 55 quilos desta especie.

Aedmais na Costa da Morte os axentes realizaron diversos operativos contra a pesca ilegal. Neles fixéronse con máis de 363 quilos de especies, 504 aparellos de pesca e 750 metros de artes de enmalle. A actuación máis relevante foi na zona do Sardiñeiro, en Fisterra, onde os axentes incautaron 250 cacharros para polbo, 6 nasas viveiro, 1 liña de fondeo e 15 sacos de rede. Nesa mesma operación tamén se fixeron con 272 quilos de peixe e marisco variado, a maioría mexillón de rocha.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.