jueves, septiembre 21, 2023

A Xunta agradece ao Goberno central as xestións que facilitaron a cesión de 200 toneladas de anchoa á frota galega

A conselleira do Mar en funcións, Rosa Quintana, asistiu hoxe en Madrid ao Consello Consultivo de Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios, onde agradeceu ao Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente as xestións que facilitaron que o sector pesqueiro andaluz cedese á frota do cerco de Galicia 200 toneladas de anchoa na zona que vai de Fisterra cara ao sur. A conselleira tamén tivo palabras de agradecemento para os pescadores andaluces por “permitir que a frota pesqueira galega poida facer uso da especie no momento que entre nas nosas augas”, explicou Rosa Quintana.
Un dos tres temas abordados na xuntanza do consultivo de hoxe foi posicionamento de España en relación a reunión anual do ICCAT (Comisión Internacional para a Conservación do Atún do Atlántico), que se celebrará a mediados de novembro en Portugal. De cara a esta reunión, a conselleira solicitou ao Ministerio que pida que nesta xuntanza se aborde a pesquería que realizan os arrastreiros peláxicos de Francia na costeira do bonito e “a revisión dos descartes que parece ser que efectúan”.
Neste sentido, e atendendo á premisa de descartes cero que recolle a Política Común de Pesca, Rosa Quintana subliñou “que as regras do xogo teñen que ser iguais para todos sen excepcións”. Esta cuestión xa foi exposta por Galicia en decembro de 2015 durante o debate para o establecemento de TACs e cotas de pesca de 2016. Ademais a titular de Mar en funcións tamén solicitou ao Goberno Central que na reunión do ICCAT pida o incremento de TAC para o bonito, especie de grande importancia para Galicia, dado que os datos apuntan a que se está recuperando”.
Outro dos temas que se trataron na xuntanza do Conselllo Consultivo foi a posibilidade de reparto de TACs e cotas para o Mar Báltico para o 2017, unhas pesquerías, expuxo Rosa Quintana, nas que Galicia non ten intereses, pero das que si é preciso ter un coñecemento dos criterios de reparto que van utilizar. A conselleira explicou que dende o ano 2006 este reparto faise separado do reparto do resto das pesquerías. Neste sentido, apuntou que tanto o Goberno Central como as distintas comunidades autónomas defenden que se realice co resto das pesquerías no Consello de Ministros de pesca para todos os países membro, xa que, subliñou, “nestes momentos xa existen datos científicos de todas as pesquerías”.
O terceiro dos asuntos tratados no consultivo foi o intercambio de pesca con Noruega, onde España segue reivindicando a porcentaxe que lle corresponde de bacallau do Ártico.

https://www.youtube.com/watch?v=l-mbXKlf6Lk

Related Posts

Load More Posts Loading...No More Posts.