A Xunta pon en marcha dous novos programas de axudas para facilitar actuacións de rehabilitación tanto por parte de particulares como polos concellos

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe na rolda de prensa do Consello a posta en marcha de dous novos programas de axudas para facilitar actuacións de rehabilitación tanto por parte de particulares como polos concellos de menos de 50.000 habitantes.
No tocante ao Programa de préstamos para a rehabilitación de vivendas, Feijóo explicou que se poderán beneficiar del as persoas físicas promotoras de actuacións de rehabilitación cuxos ingresos non superen 6,5 veces o Iprem. E, no caso de actuacións promovidas por comunidades de propietarios no que as obras se realicen en elementos comúns do edificio, as persoas beneficiarias serán os membros da comunidade en función da súa porcentaxe de participación nas obras.
En total, a Administración autonómica destinará máis de 10 millóns de euros ao pago de xuros de préstamos para a rehabilitación de vivendas no período 2016-2021. E estímase que do programa se beneficien máis de 6.000 familias e que o importe dos préstamos concedidos se aproxime aos 180 millóns de euros.

Cómpre salientar ademais que o máximo dos préstamos será de 30.000 ou 60.000 euros, segundo se trate de préstamos de tipo persoal ou hipotecario, e terán unha duración de entre seis e 15 anos, podendo ser de tipo fixo ou variable e sen comisións.
Así mesmo, os beneficiarios poderán solicitar un período de carencia de dous anos durante os cales non pagarán capital. Desta maneira, para os beneficiarios con ingresos que on superen catro veces o Iprem, a cota mensual dos dous primeiros anos pode ser de cero euros.

No consello celebrado esta mañá tamén se aprobou o regulamento da nova Lei do solo de Galicia, que nos converte na comunidade cunha ordenación máis completa e actualizada
O obxectivo deste regulamento é facilitar a súa aplicación e consulta polos técnicos, arquitectos, arquitectos técnicos e demais persoal. Ademais, clarifica a interpretación da lei, achega seguridade xurídica e intenta ser comprensible para o cidadán medio, fixando conceptos urbanísticos homoxéneos; incorporando fichas técnicas que aclaren, por exemplo, o listado de informes necesarios para aprobar o planeamento, e engadindo cadros resumo, esquemas e gráficos.

Segundo lembrou o xefe do Executivo galego, estase a cumprir con creces o prazo que contempla a Lei, na súa disposición final quinta, para aprobar o regulamento: daba un prazo dun ano e aprobouse en medio.

https://www.youtube.com/watch?v=W3YGMZwzG7M

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.