O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, valorou hoxe cos emprendedores do Polígono Industrial da Pasaxe as novas oportunidades que se abren neste parque empresarial en canto a xeración de riqueza e de emprego.
Durante unha xuntanza cos empresarios do polígono, Feijóo puxo en valor o esforzo conxunto e coordinado para, entre todos, traballar na procura da solución máis acaída e máis eficaz para facer viable o crecemento deste polígono desde o punto de vista económico e xurídico.
Non en van, a aprobación definitiva do proxecto sectorial deste polígono garante un desenvolvemento do solo empresarial planificado, ordenado e con plenas garantías xurídicas e urbanísticas. Isto supón unha magnífica nova para as máis de 120 empresas que, neste momento, están funcionando no parque e que facturan un total de 400 millóns de euros ao ano, así como para os preto de 3.000 traballadores.
Tras a xuntanza, o presidente da Xunta celebrou a situación que se abre neste polígono, confirmando que este esforzo colectivo pagou a pena porque Vincios, Gondomar e a área de Vigo se beneficiarán da plena consolidación dun importante polo de actividade empresarial e de emprego, no que se abren, ademais, e tal e como puxeron de manifesto os emprendedores, importantes perspectivas de futuro.
https://www.youtube.com/watch?v=p1Vt9vMW2Ns