Portos de Galicia e a Axencia de Turismo de Galicia coordinarán a presenza no salón náutico Grand Pavois de La Rochelle, en Francia, dunha vintena de xestores e representantes dos peiraos deportivos galegos. O presidente do ente público, José Juan Durán, encabeza dende hoxe as actividades destinadas á procura de negocios internacionais que se desenvolverán no stand que ambos departamentos autonómicos teñen instalado conxuntamente no recinto feiral dende onte e ata este sábado.
O Grand Pavois celébrase na localidade de La Rochelle dende onte e aglutina aos principais operadores do sector náutico recreativo de todo o mundo. Neste marco, Portos de Galicia e a Axencia de Turismo de Galicia impulsan a promoción da oferta de turismo náutico na nosa comunidade mediante a súa presenza institucional no evento. Xunto aos departamentos autonómicos, a comitiva galega reúne a representantes municipais e operadores dos peiraos de Pedras Negras (O Grove), Viveiro, A Coruña, Sanxenxo, Portonovo, Muxía, A Pobra do Caramiñal, Muros, Vigo, A Illa de Arousa, Baiona, Boiro, Cambados e Vilanova de Arousa, entre outros.
A proposta de Portos de Galicia baséase no establecemento de sinerxias entre os diferentes peiraos autonómicos para aunar o conxunto das potencialidades náuticas da nosa comunidade, nunha oferta comercial común. Con esta finalidade os axentes e operadores do sector están a avanzar nas diferentes especializacións de cada un de xeito que poidan integrarse nunha proposta global máis competitiva de cara ao exterior.
O obxectivo último da representación galega no Grand Pavois pasa polo establecemento de contactos comerciais e posibilidades de negocio internacional entre as entidades náuticas galegas e outras presentes na feira, nomeadamente as do sur de Francia, Reino Unido e Europa mediterránea. Con este fin, Portos de Galicia afondará nestes días nas relacións emrpesariais xa perfilandas coa presencia do ente público na pasada edición desta cita.