Dentro da implantación gradual de iluminación de baixo consumo no conxunto dos lugares e instalacións públicas do municipio, o Concello de Ribeira informa de que se vai a efectuar unha nova acción consistente na posta en marcha dun novidoso proxecto dirixido á mellora de eficiencia enerxética no Complexo Polideportivo da Fieiteira: unha actuación cuxo orzamento ascende a un total de 46.045 euros, IVE incluído, e que acaba de recibir unha achega do INEGA de 33.695 euros.
A execución desta actuación entrañará un considerable aforro enerxético na instalación municipal que máis consumo ten. Así, e de acordo co correspondente proxecto técnico elaborado, dun consumo de 117.262 kWh/ano pasarase a tan só 30.695, o que significa unha redución do 73,8%.
Do mesmo xeito, dun gasto de 16.152 euros ao ano pasarase a 4.228, implicando unha baixada tamén de máis do 73,8%; en tanto que as emisións en CO2 reduciranse na mesma contía ata un total e 29,78 toneladas/ano.
De resultas do proxecto que se vai executar, as 267 lámpadas actuais serán substituídas por igual número de luminarias led .
A actuación, que afectará tanto ao edificio da piscina como ao inmoble do polideportivo, conlevará un aforro do 25% adicional aos números antes indicados. Así mesmo, no caso dos tubos estes acenderanse con detector de presenza, unha media coa que se obterá outro aforro a maiores do 25%.
Nesta liña de conquerir un Concello cada vez máis proclive ao aforro e baixo consumo, cómpre lembrar tamén que está en proceso de contratación a implantación dun novo modelo de xestión enerxética e mantemento integral das instalacións de climatización, calefacción, ventilación e auga quente sanitaria tanto do Complexo Polideportivo da Fieiteira, como da Casa do Concello, o Conservatorio e o Viveiro de Empresas.
https://www.youtube.com/watch?v=0I_tDWkYh0k