O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, e o presidente da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG), Iker Sertucha Lista, asinaron hoxe en San Caetano un convenio de colaboración para o desenvolvemento do programa “Servizo de atención psicolóxica e logopédica para familias e menores xordos implantados ou con prótese auditiva”.
Mediante dito convenio, desenvolverase este programa que consiste na atención logopédica a menores xordos de entre 0 e 6 anos e na orientación sobre estratexias comunicativas ás súas familias e a centros educativos (lingua de signos), así como tamén no asesoramento psicolóxico ás familias e/ou contorno de convivencia co fin de fomentar o desenvolvemento normalizado do sistema familiar.
A Consellería de Política Social colaborará economicamente, pola súa banda, a FAXPG, artellará as medidas necesarias para o desenvolvemento e a execución de dito programa que buscará logra tanto o equilibrio emocional como a aceptación da xordeira por parte das familias dos nenos afectados. Deste xeito, a FAXPG ofrecerá un servizo de logopedia innovador, xa que toma como base a adquisición da lingua de signos española (lingua natural para as persoas xordas) e, a partir dela, inicia a ensinanza da lingua oral co fin de que os nenos e nenas se expresen en dita lingua.
A tipoloxía de atencións que se ofrecen mediante este convenio engloban sesións de logopedia; rehabilitación de implante coclear, rehabilitación fonética (praxias, articulación), destrezas lectoescritoras, habilidades de procesamento auditivo; traballo do equilibrio e propiocepción; psicomotricidade, estimulación vestibular e deglución entre outros.
https://www.youtube.com/watch?v=c0StZHnSf-A