A Volta Ciclista a Galicia arranca cunha contrarreloxo por equipos en Noia

A proba organizada pola Federación Galega de Ciclismo vivirá unha espectacular posta en escena na que se porá en xogo o seu primeiro maillot amarelo de líder. Os 14,5 kilómetros da contrarreloxo por equipos son algo máis que un aperitivo e poden marcar as primeiras diferenzas significativas da carreira. O primeiro conxunto en tomar a saída farao ás 19:00 horas dende a rúa Rosalía de Castro en Noia, que tamén será o punto de chegada.
Das dezaoito formacións participantes, oito son galegas. O Autronic-Club Ciclista Vigués, o Cambre-Renault Caeiro, o Club Ciclista Rías Baixas, o Padronés-Aluminios Cortizo, o Spol-Concello de Porriño, o Supermercados Froiz, o Team Guerciotti e o Muchas-Carnes Parente compoñen a representación autonómica.
Do resto de España acuden a esta cita varias das mellores estructuras desta categoría a nivel estatal: o AMPO vasco, os asturianos Kuota-Construcciones Paulino e Ciudad de Oviedo-Tartiere Auto, os madrileños do RH Polartec-Fundación Contador, Pizzería Española e E.C. Cartucho.es-Magro, o equipo cántabro do Gomur-Liebana2017-Ferroatlántic e o extremeña do Bicicletas Rodríguez Extremadura. Os portugueses Liberty Seguros-Carglass e o Moreira Congelados-Feira-Bicicletas Andrade completan o pelotón de 126 corredores.
Media montaña
Sen un final en alto, pero cun terreo ideal para vivir unha competición chea de alternativas, a media montaña asume o protagonismo da Volta. A etapa do xoves, a primeira en liña, volverá ter Noia como inicio e meta. Serán 130,5 kilómetros de percorrido coa ascensión ao Alto do Hospital, de segunda categoría, como único porto puntuable da xornada no kilómetro 76.
O venres a caravana desprázase ata Lugo para disputar a terceira xornada, Comarcas de Sarria–Sarria (150 kms), con catro altos de montaña e o último deles, o da Paradela de 2ª categoría, coroarase a 14 kilómetros para o final. Un perfil similar ofrece a etapa do sábado Verín-Verín (131 kms) por terras ourensanas. Terá tres subidas puntuables, coa de Vilardevós de 2ª categoría, ubicada a 15 kilómetros da chegada. Por último, o domingo a rolda decidirase no sur da provincia de Pontevedra sobre un trazado de 122,5 kms. Con saída e chegada no Porriño, os corredores terán que superar catro portos de montaña.
Despois de dous anos consecutivos de dominio do mesmo corredor, a Volta busca un novo gañador. O vasco Aitor González venceu no 2014 defendendo as cores do Padronés-Aluminios Cortizo e a pasada temporada as do Ampo. Este dobre triunfo impulsouno ao pelotón profesional no que esta campaña competiu nas filas do Euskadi Basque Country Murias.

https://www.youtube.com/watch?v=mxxdWfJnvgk

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.