O COLECTIVO INTERPUXO UNHA DENUNCIA Á DIRECTORA XERAL DE DESENVOLVEMENTO RURAL POR PRESUNTOS DELITOS DE MALVERSACIÓN
Continúan as accións para deter os case 1000 millóns de vertidos de augas residuais da mina de San Finx, que acabarían nas augas da ría Muros e Noia. Nesta ocasión, activistas e mariscadores paralizaron os traballos da instalación do tubo onde a empresa australiana vertería as augas contaminadas, colocándose diante da maquinaria, mentres outro grupo disfrazado con caveiras botaba unha partida ao “MINApoly”, versión do popular xogo preparada co fin de denunciar a corrupción desta mina emprazada en Lousame.
Denuncian que as infraestruturas para efectuar as verteduras están sendo executadas como parte dunha obra pública contratada pola Consellería de Medio Rural para o asfaltado dunha estrada local, o que suporía un presunto delito de malversación de fondos públicos e prevaricación. Por iso, esta mesma semana a organización ecoloxista interpuxo unha denuncia penal nos xulgados de Santiago contra á Directora Xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, logo de que varios colectivos da Plataforma comarcal contra os vertidos reclamaran en sucesivas ocasións a paralización destas obras. Este é a quinta causa penal que se abre en relación á mina de San Finx.