O Presidente Da Xunta Acompañou Ás Ss.Mm. Os Reis De España No Acto De Apertura Do Curso Escolar 2014-2015, Que Tivo Lugar No Ceip Ben-Cho-Shey De Pereiro De Aguiar

O presidente da xunta, Alberto Núñez Feijóo, apelou hoxe á “experiencia e á razón” que predicaba o Padre Feijóo, como bases dun sistema educativo que permita despregar todas as potencialidades que latexan nos alumnos e facelos “cidadáns da súa terra, cidadáns do mundo e, sobre todo, cidadáns do seu tempo”. Así o asegurou o mandatario galego esta mañá, durante o acto de apertura do curso escolar 2014-2015 no CEIP Ben-Cho-Shey de Pereiro de Aguiar, un acto que estivo presidido polas súas maxestades os Reis de España.

Nesta liña, Feijóo referiuse á aposta “decidida” do Goberno galego por xeneralizar o acceso ás novas tecnoloxías nas aulas; por establecer un modelo plurilingüe na ensinanza, que se aplica progresivamente e beneficia xa a máis de 220 centros públicos; ou por potenciar as linguas estranxeiras, con programas dos que xa se benefician máis de 80.000 escolares.

Durante a súa intervención, Feijóo tamén se referiu ao ourensán que dá nome ao colexio Ben-Cho-Shey, Xosé Ramón Fernández Oxea, “outro fillo ilustrado, animado igualmente pola paixón da ensinanza”, que viaxou e aprendeu, “con experiencia e razón, que Galicia formaba parte do mundo e que o seu destino non era illarse senón atopar o seu sitio no concerto dos pobos”. “E atopouno”, dixo Feijóo, “coa democracia, coa autonomía, coa súa presenza nunha España xusta, coa súa voz nesa Europa que fai camiño ao andar”.

O presidente da Xunta quixo transmitir, tamén, o agradecemento ás SS.MM. pola súa presenza. Feijóo concluíu a súa intervención, lembrando que case medio millón de mozos galegos –desde infantil, primaria, secundaria, bacharelato, FP e universidades- están preparándose “para ser o futuro de Galicia e para, desde Galicia deseñar o mañá do noso pobo”, aseverou.

http://youtu.be/Gh_oURw2OK4

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.