O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe a aprobación dun teito de gasto provisional para 2017

Feijóo lamentou que este 2016 fose o primeiro ano no que Galicia, como as demais comunidades autónomas, non puido aprobar un teito de gasto, debido á atípica situación de bloqueo que está a vivir España. Deste xeito, levamos máis dun mes de atraso respecto ao que establece a Lei, que obriga a aprobar un teito de gasto antes do 31 de xullo.

Como paso previo á definición dun teito de gasto, o Goberno galego aprobou unha actualización do cadro macroeconómico, que prevé que o crecemento de Galicia en 2016 elevarase ata o 3%. Así, despois de ter en conta un posible efecto negativo do Brexit, a media de crecemento deste ano e o seguinte estará no entorno do 2,7%, cando a previsión recollida no Plan Estratéxico de Galicia é dúas décimas inferior, xa que establece un incremento do PIB do 2,5%.
Esta evolución da economía tamén permite actualizar as previsións sobre o emprego, que contemplan que Galicia acabe o ano cunha taxa de desemprego do 17,4%, un punto menos do previsto, mentres que en 2017 seguirá baixando ata o 15,6%. Nos dous anos Galicia seguirá tendo unha taxa de paro menor que a media de España.
Un teito de gasto coherente
Feijóo apuntou que o Goberno fixou “un teito de gasto para 2017 coherente coa mellor situación económica e coherente coa baixada do paro”. Estas contas públicas poderán traducirse en máis recursos para seguir baixando os impostos, seguir mellorando os servizos públicos, contribuír a mellorar os sectores produtivos e alimentar a innovación e a internacionalización da economía galega.

https://www.youtube.com/watch?v=oKB-FO0pCJI

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.