Rueda explicou que o obxectivo deste plan non é chegar só aos máis de 380.000 alumno/as que hai en Galicia, senón que se involucren todos os que teñen algo que dicir no mundo educativo, incluído o profesorado, o persoal de administración e servizos e por suposto os pais e nais dos rapaces e rapazas.
Pola súa banda, Román Rodríguez subliñou que o plan presentado hoxe reflexa o compromiso do Goberno galego coa igualdade de oportunidades e de xénero, avanzando na construción dun novo modelo educativo baseado no respecto, na liberdade e na igualdade.
Para afondar neste modelo, o responsable educativo da Xunta avoga polo tratamento da igualdade desde unha perspectiva integral e transversal na que se impliquen todas as áreas de goberno. Nesta liña, este primeiro Plan de igualdade nace cun obxectivo claro, que é o de previr e atallar comportamentos machistas entre os rapaces.
No eido educativo, ademais de incluír a igualdade nos currículos de todas as etapas educativas, este curso que agora vai comezar impartirase por primeira vez unha nova materia de libre configuración autonómica, ‘Igualdade de xénero’, que, polo momento, ofertan 24 centros para os seus alumnos de 1º e 2º de ESO. Ademais, vaise implantar un ciclo formativo de grao superior para incluír a perspectiva de xénero na formación profesional e continuarase cos cursos de formación do profesorado, nos que se aumentarán os contidos relacionados coa igualdade no ámbito educativo.
Así mesmo, dentro da Estratexia galega de convivencia escolar 2015-2020, inclúense ferramentas concretas como os plans Proxecta de innovación educativa ou o Protocolo educativo para garantir a igualdade, a non discriminación e a liberdade de identidade de xénero.
https://www.youtube.com/watch?v=RmfmeTLdhtM