Aínda que a palabra «normalidade» saía onte da boca de case todos os responsables dos institutos para definir como foi o comezo de curso, acto seguido, desde distintos centros, explicaban que as clases empezan na ESO, o bacharelato e a FP marcadas polo recorte de profesorado. Así o contaban, por exemplo, desde o Félix Muriel rianxeiro, o A Cachada boirense, ou o Campo de San Alberto de Noia. En boa parte dos casos o problema céntrase nos docentes especialistas en Pedagoxía Terapéutica, xa que o que adoita determinar a consellería nos últimos tempos é que estes profesionais sexan compartidos entre distintos centros, o que implica menos horas para cada un e, xa que logo, menos nenos con necesidades especiais que poden ser atendidos por eles.
Sobre a redución de profesorado reflíctese de modos distintos en segundo que centros, e as causas son tamén dispares. Por exemplo, no Campo de San Alberto noiés necesitan un docente para impartir as materias técnicas dun novo ciclo de FP Básica, mentres que no Fontexería de Muros este ano terán 43 docentes fronte aos case 50 do curso pasado.
O instituto da Pobra é o maior escaparate das reivindicacións. Neste caso, son os pais os que están en rebeldía con Educación por dúas cuestións: a deterioración que acusa o edificio -o propio xefe territorial da consellería, Indalecio Cabana, que visitou hai meses o centro, dixo que poucas veces se atopou un panorama tan desolador- e a redución dun profesor de Pedagoxía Terapéutica. O ANPA do IES pobrense, como outros moitos pais, insiste en que se reducen eses especialistas sen ter en conta o número de alumnos con necesidades especiais que hai. En todo caso, fartos de enviar escritos a Educación e de que a consellería non lles respondese, onte pasaron á acción. Decidiron levar a cabo unha protesta rechamante.