O valor económico das descargas de polbo en galicia é o máis alto dos últimos anos superando os 2,6 millóns de euros

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou esta tarde en Ames na presentación do Proxecto de avaliación do polbo, realizado pola Federación Galega de Confrarías de Pescadores. Alí destacou que o valor económico das descargas de polbo en Galicia dende o inicio da campaña a principios de xullo ata o 31 de agosto é o máis alto dende o ano 2010, superando os 2,6 millóns de euros.
Esta cifra correspóndese con preto de 436 toneladas descargadas deste cefalópodo nas lonxas de Galicia. Tanto a facturación como o volume de descargas superan en máis do dobre aos do ano pasado, que entre o inicio da campaña e o 31 de agosto foi de preto de 173 toneladas cun valor económico de máis de 1 millón de euros.
En relación ao proxecto sobre a avaliación do polbo presentado pola Federación Galega de Confrarías, Rosa Quintana valorouno positivamente e neste sentido subliñou que son benvidas todas as aportacións para avanzar no futuro do sector.
O proxecto sobre a pesqueira do polbo en Galicia está impulsado pola Federación Galega de Confrarías coa colaboración da Organización de produtores da pesca artesanal e o marisqueo de Galicia (Opaga) e financiado pola Consellería do Mar. O seu obxectivo é pór sobre a mesa aspectos sobre a xestión deste recurso e avaliar a situación da pesqueira para obter propostas consensuadas que redunden na mellora da súa xestión da súa trazabilidade.

Este proxecto comprende un traballo de análise e estudo de novas propostas de xestión, a través dunha enquisa dirixida ao sector e dun debate zonal sobre as principais cuestións que xurdiron. A última parte consiste na organización dun Seminario en Santiago de Compostela en outubro, no que se abordarán as propostas que xurdiron nas enquisas e nas reunións zonais. Tamén se fará un traballo de análise conxunta entre todos os actores para intentar consensuar novas fórmulas de xestión.

https://www.youtube.com/watch?v=8GQiiBfwnaw

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.