Un dos nomes propios da pasada campaña da Superliga foi Jaime Arjones. O xove colocador foi un dos xogadores máis destacados do Rotogal Boiro Voleibol nunha temporada dura na que o xogador deu un paso adiante a pesar da súa xuventude. O seu bo facer chamou a atención de numerosos equipos e esta próxima campaña 23-24 non volverá a defender o branco do Rotogal.
O boirense volverá a disputar a Superliga tras amosar que ten un gran nivel, aínda que nesta nova aventura na máxima competición nacional de volei vestirá a elástica do Vóley Palma. Así o colocador pon rumbo ás baleares, a un novo equipo que loitou e apostou moi forte por facerse cun dos xogadores máis prometedores do panorama nacional.
Coa chegada de Arjones, o Vóley Palma reforza o seu equipo para mellorar os seus rexistros nesta vindeira campaña. Na anterior, os baleares foron antepenúltimos polo que agora apostan polo descaro e xuventude do boirense para regresar á parte alta da táboa, un lugar onde era habitual ver ao conxunto mallorquín en anteriores temporadas. Aos seus 20 anos, Arjones disputará un ano máis a Superliga.