Unha muller morreu e un sacerdote resultou ferido tras sufrir un asalto na casa reitoral da parroquia de Cruces, no municipio de Padrón.
A muller falecida chamábase María Soto. Tiña 78 anos, era natural dunha parroquia de Vila de Cruces, na comarca do Deza, e levaba 26 traballando de asistenta para o cura, Ramón Barral.
O asalto produciuse sobre as nove da noite de onte. Tres individuos, dous de cara e un encapuchado, chamaron á porta. Abriulles María Soto. Ao parecer un deles ía armado. Irromperon na casa e déronlle unha malleira ao cura e á muller, aos que ataron e amordazaron.
Ao parecer, a asistenta logrou soltarse e púxose a gritar o que fixo que os ladróns lle apertasen máis a mordaza, co que poderían provocarlle a morte por asfixia, aínda que esa hipótese aínda non foi confirmada, á espera do que determine a autopsia. Tras o asalto o sacerdote chamou á súa irmá, que deu a alerta.
Os asaltantes roubaron na súa fuxida o coche do párroco. O cura foi trasladado en ambulancia ao Hospital Clínico de Santiago pouco antes da dúas da madrugada. Segundo o testemuño dun veciño que conseguiu falar con el despois da medianoite, estaba «mazado e aparvado». Ese mesmo veciño di que o sábado viu a tres individuos nunha furgoneta branca roldando pola aldea. E que lle pareceu sospeitoso.
Ao sacerdote esta mañá déronlle a alta hospitalaria. Pouco despois das doce regresou á casa, onde falou coa Policía Xudicial. Acompañábanlle os seus irmáns. Alí presentouse a titular do xulgado número dous de Padrón para facer unha reconstrución do crime. Ramón Barral abandonou a casa pouco despois das dúas da tarde nun coche policial. Ten mazaduras na cara e un ollo amoratado.
Un amplo dispositivo da Garda Civil, Policía Xudicial, a xuíza de garda de Padrón e a forense estiveron na vivenda ata altas horas da madrugada.
A Policía Xudicial volveu esta mañá á casa para buscar máis probas. A reitoral está acordoada. E a Garda Civil estableceu controis nas inmediacións para intentar atrapar aos tres asaltantes e localizar o vehículo. O subdelegado do goberno galego ofreceu unhas palabras.